Asociación Forestal de Galicia          

 

Seminarios sobre técnicas de medición de madeira e de recursos forestais con posibilidade de aproveitamento enerxético

 

O proxecto MADER

O proxecto MADER (Optimización de técnicas de medición de existencias madeirables e de recursos forestais con posibilidade de aproveitamento enerxético) desenvolvido pola Asociación Forestal de Galicia entre 2004 e 2007, foi financiado polaConsellería de Innovación e Industria dentro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

O obxectivo do proxecto era a procura de métodos eficaces de medición de madeira en pé e doutros recursos forestais susceptibles de ser aproveitados para a produción de enerxía.

Os propietarios forestais galegos enfróntanse na actualidade a dous feitos de gran impacto nos montes galegos cultivados, por un lado atravésase unha etapa de baixos prezos da madeira e, por outro a industria demanda produtos cada vez máis diversificados que teñen moi diferente valor no mercado.

A baixa do prezo da madeira.- Os prezos cada vez máis baixos da madeira, fan que cada día sexa máis importante para o produtor forestal saber con precisión o valor das árbores que quere vender. Por outro lado, a toma de datos para coñecer as dimensións dos fustes e características da masa, é un proceso moi laborioso que require melloras a fin de abaratar os custos e gañar eficiencia. Nesta mellora inciden a cualificación dos técnicos operadores, a optimización das técnicas de mostraxe, a dispoñibilidade de ferramentas informáticas axeitadas, e tamén poden contribuír os propietarios forestais para facilitar as operacións tendo uns coñecementos básicos dos procesos.

A valorización de novos recursos forestais.- Hoxe en día están comezándose a valorar recursos que antes non tiñan aproveitamento comercial tales como os restos de corta, as pólas, cepos, raíces, etc., para o seu aproveitamento para a produción de enerxía. A valorización destes novos recursos contribuirá non só a aumentar as rendas dos propietarios forestais, se non tamén a controlar o risco de incendios e pragas forestais ao diminuír a carga de material leñoso non aproveitable nos montes.

O proxecto MADER foi pensado tendo en consideración estas premisas e coa finalidade de mellorar os servizos que a Asociación Forestal de Galicia ofrece aos silvicultores galegos. Os resultados do proxecto preséntanse agora en tres seminarios que se celebrarán en Negreira, Tomiño e Cerdido.

Negreira

Casa da Cultura

Xoves 20 de setembro de 2007 ás 20 horas

Tomiño

Antiga escola de Cristelos (Barrantes)

Venres 21 de setembro de 2007 ás 20 horas

Cerdido

Casa da Cultura

Luns 24 de setembro de 2007 ás 20 horas

Inscrición gratuíta nos teléfonos:

  • 981 564 011
  • 981 569 140
  • 986 660 864

Programa

 








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es