A certificación fomenta a utilización da madeira e do resto de produtos forestais fronte a outros materiais competitivos. O uso da madeira é un factor clave no desenvolvemento rural. Ademáis, a madeira é un produto de orixe natural, respetuoso co medio ambiente, reciclable e reutilizable. Os bosques e os produtos de madeira contribúen eficazmente a fixar o CO2 atmosférico, diminuíndo así o chamado efecto invernadoiro.
Por outra parte, os consumidores demandan que os produtos madeireiros teñan unha orixe clara e transparente, que sexan certificados. A certificación da madeira non debe ser un custo máis a engadir ao produto final, se non unha útil ferramenta que acerque a madeira ao consumidor.
¿Que é o PEFC?
O sistema PEFC (Sistema Paneuropeo de Certificación Forestal) é un sistema de certificación voluntaria apoiado por máis de 12.000.000 de propietarios forestais en Europa e baseado nos criterios e indicadores xurdidos das Conferencias Ministeriais para a Protección dos Bosques de Europa celebradas en Helsinki (1993) e Lisboa (1998). O PEFC proporciona un marco mundial para desenvolver os principios comúns da xestión forestal sostible dos bosques e da cadea de custodia da madeira.
O PEFC ofrece unha marca que asegura que o produto forestal comercializado con ela provén dun bosque xestionado con criterios de sostibilidade.
¿Quen pode solicitar a certificación PEFC?
Todos aqueles propietarios forestais que xestionen os seus montes de forma sostible e conten cun plan de xestión.
Os propietarios forestais poden utilizar tres procedementos para conseguir o logo PEFC:
- Certificación individual.- solicítaa o propietario de forma individual, debendo cumprir as normas UNE de certificación individual e dispoñer dun plan de xestión para o seu monte.
- Certificación en grupo.- solicítaa unha asociación ou un agrupamento de propietarios forestais. Teñen que cumprir as normas UNE de xestión forestal sostible e cada propietario adscrito ten que dispoñer dun plan de xestión e contar cun procedemento de control.
- Certificación rexional.- solicítaa unha entidade representativa e debidamente recoñecida nunha determinada rexión. A Entidade debe elaborar un Referente Técnico Rexional. Os adscritos a este procedemento de certificación deben someterse a unhas normas de control para obter o selo.
O Sistema PEFC en Galicia
Os propietarios forestais galegos xa poden solicitar a certificación PEFC empregando o procedemento
individual, de grupo ou rexional.
No ano 2004 a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia obtivo a certificación PEFC para
50.000 ha de montes xestionados polos servizos forestais autonómicos, principalmente montes veciñais
en man común. Con anterioridade a empresa Norfor xa dispoñía da certificación PEFC para os montes
que xestiona en Galicia.
A partir de 2007puxéronse en marcha diversos grupos de certificación PEFC.
A Certificación PEFC polo procedemento rexional é o sistema máis económico e máis sinxelo para o
propietario forestal.
O 17 de setembro de 2003, constituíuse a Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal con
22 organizacións representativas do sector forestal en Galicia co obxectivo de lanzar o sistema de
certificación rexional PEFC e de elaborar as directrices rexionais da xestión sostible.
O 18 de novembro de 2004, constituíuse a Entidade Galega Solicitante da Certificación Forestal Rexional
PEFC formada por oito organizacións do sector forestal galego. O seu obxectivo era crear o sistema
de certificación rexional PEFC e de elaborar os documentos necesarios para o seu desenvolvemento.
Un grupo de traballo aberto (de 6 a 9 persoas) formado por técnicos pertencentes ás organizacións
fundadoras da Asociación Promotora PEFC Galicia foi constituído para a elaboración dos documentos
técnicos. Os membros do grupo celebraron 30 sesións técnicas realizadas entre principios de 2004 e
mediados de 2007.
En marzo de 2008 concluíuse con éxito a auditoría documental do sistema rexional, a partir deste
momento pode considerarse operativo o sistema rexional de certificación PEFC para a adscrición de
propietarios de montes.
En 2009 comezou a adscrición das primeiras propiedades forestais, que pasaron a súa primeira auditoría
a finais de 2010. Os primeiros montes con certificado de xestión forestal sostible PEFC polo sistema
rexional, obtiveron o recoñecemento a comezos do ano 2011. |