Fiscalidade
A reforma da fiscalidade que afecta aos montes constitúe unha actividade na que a AFG foi pioneira e da que se levan obtido moi bos resultados para todos os silvicultores. Sen embargo, aínda restan moitos aspectos por mellorar.
O equipo de expertos da AFG está elaborando un novo conxunto de reformas fiscais para mellorar o réxime fiscal das comunidades de montes veciñais e tamén das sociedades con propiedades forestais. Mellora xenética A mellora xenética das principais especies forestais galegas é un reto ineludible para mellorar os nosos produtos forestais e para dispoñer dunha planta forestal de calidade e resistente ás enfermidades e pragas. A AFG participa na promoción de liñas de investigación que respondan ás verdadeiras necesidades dos silvicultores galegos e vai incrementar a transferencia de tecnoloxías aos produtores forestais neste ámbito. A creación do Instituto Europeo do Bosque Cultivado (IEBC) vai xogar un importante papel dinamizador da investigación forestal no sur de Europa. Sanidade forestal Os nosos bosques, ao igual cós dos países temperados, padecen un elevado risco de ataques de elementos patóxenos que poñen en perigo a sostibilidade dos nosos recursos. Por isto requiren investimentos permanentes para asegurar a súa conservación e diminuír o risco de incendios forestais e de pragas e enfermidades. Un dos obxectivos prioritarios da AFG é conseguir que Galicia dispoña dunha estrutura permanente e dun dispositivo integral de control sanitario nos montes no que poidan participar activamente os silvicultores. Trabállase tamén para conseguir a implantación de seguros contra catástrofes forestais. Normativas A curto prazo, vanse producir importantes cambios nas normativas que afectan ao sector forestal tanto en Galicia como nos ámbitos nacional e europeo. Contando co apoio de socios e colaboradores expertos na materia, así como cos seus propios recursos, a AFG dispón dun equipo multidisciplinar que está a traballar na reforma da Lei básica de montes e que continuará o seu labor coa futura Lei de montes de Galicia. Pola súa parte, en colaboración con COSE e USSE, a AFG participa na preparación e mellora da Estratexia Forestal Europea, no marco das institucións consultivas de Bruxelas. Incentivos a investimentos forestais Ante un horizonte europeo no que as axudas públicas aos montes mostran unha tendencia á diminución, faise necesario dispoñer dun sistema financeiro axustado ás necesidades forestais. A AFG traballa desde hai tempo no deseño de instrumentos e produtos financeiros adaptados ás características dos investimentos forestais. Un sector ata agora inexplorado e que comeza a interesar á banca galega. |