Asociación Forestal de Galicia          

 

Formación

PRESENTACIÓN

A Asociación Forestal de Galicia imparte desde 1988 programas formativos anuais dirixidos a propietarios de montes particulares, membros de comunidades de montes e silvicultores en xeral.

Os contidos dos cursos, seminarios e viaxes para dos programas formativos da AFG teñen en conta o carácter multifuncional do monte galego e os diferentes tipos de aproveitamentos que se poden practicar.

Hoxe en día é imprescindible coñecer as técnicas necesarias para producir madeira de alto valor comercial e conseguir os mellores prezos nun mercado cada vez máis globalizado. Para obter boa madeira de serra, é necesario coñecer ben as técnicas de poda que nos permitan acadar fustes rectos sen malformacións.

Pero non abonda con dispoñer de madeira de calidade, hai que coñecer tamén os mecanismos para saber colocala no mercado axeitado no momento oportuno, para iso a AFG mostra as técnicas de comercialización da madeira que aumentarían as rendas do propietario forestal.

Os montes galegos son fonte doutros moitos recursos ademais da madeira, de aí que tamén dediquemos dous cursos ao estudo doutros aproveitamentos forestais tales que os froitos, as plantas aromáticas e mediciñais, e un seminario ás posibilidades dos aproveitamentos silvopastorais. Con carácter novidoso e de acordo co labor que fai a AFG de promoción do uso da biomasa forestal, vanse realizar tamén seis seminarios de iniciación ás técnicas de aproveitamento de biomasa con fins enerxéticos.

ACTIVIDADES FORMATIVAS

Os cursos de formación

Trátase de sesións formativas de dúas medias xornadas de duración dedicadas a presentar a silvicultura das principais especies forestais galegas ou o manexo do monte para outros aproveitamentos forestais. Unha sesión é de carácter teórico en aula e outra de carácter práctico no monte.

Os seminarios técnicos

Son sesións de media xornada de duración dedicados a tratar un tema forestal específico. Estes seminarios poden ser celebrados en recintos pechados ou poden ser impartidos en sesións prácticas no monte.

As viaxes de formación

Trátase de viaxes de estudo, de un a varios días de duración, nos que participan grupos de silvicultores acompañados por técnicos forestais da AFG.

As viaxes son realizadas en autobús percorrendo itinerarios de interese forestal para coñecer experiencias novidosas e aspectos prácticos da silvicultura e da xestión forestal.

INSCRICIÓN

A inscrición previa farase chamando aos seguintes teléfonos da Asociación Forestal de Galicia:

  • Oficina AFG Santiago 981 564 011
  • Oficina AFG As Pontes 981 440 537
  • Oficina AFG Foz 982 135 575
  • Oficina AFG Ponteareas 986 660 864

Presentación

PROFESORADO E MATERAL DIDÁCTICO

Os cursos e seminarios programados serán impartidos por expertos forestais da Asociación Forestal de Galicia que contan cunha dilatada experiencia en silvicultura e xestión de montes.

Os participantes nos cursos dispoñerán de material didáctico que recolle os temas que se tratan. Nas viaxes forestais contarase con expertos locais coñecedores das experiencias que se visitan.

Presentación








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es