O aproveitamento das leñas das frondosas para producción de calor
Braulio Molina Martínez Enxeñeiro de montes e director técnico da AFG
|
No proxecto Enersilva, iniciativa desenvolvida dentro do programa europeo Interreg III B Sudoe coa axuda dos fondos FEDER da Unión Europea, estase traballanso desde hai dous anos no estudo da aplicación dos recursos forestais para produción de enerxía e buscando as solucións para fomentar a súa implantación en Galicia e noutras rexións do suroeste de Europa. En moitos países do norte e leste de Europa levan moito adianto na aplicación enerxética da biomasa forestal obtida de cortas e rareos de masas forestais.
O monte galego ata hai poucas décadas foi unha das principais fontes de enerxía polo aproveitamento das leñas da matogueira e do arborado.
A introdución a baixo prezo dos combustibles fósiles: carbón, diesel, gas e a expansión do tendido eléctrico, foron fomentando a recesión do aproveitamento de leñas a favor desas fontes de enerxía, daquela máis cómodas e modernas.
O auxe da bioenerxía no sur de Europa desde hai dez anos coincide coa máxima preocupación pola repercusións ambientais das emisións de CO2 á atmosfera, que produce a combustión cotiá das materias primas fósiles. Despois do descenso progresivo do consumo de leñas, parece que tende a incrementarse polo novo interese da sociedade en manter ou recuperar tan ancestral e pracenteira usanza. En Galicia, é moi patente ese repunte do consumo, tanto no ámbito doméstico como no empresarial de hostelería e industrias artesanais.
|