O proxecto FORSEE en Galicia
|
O proxecto europeo FORSEE xurdiu por iniciativa do Instituto Europeo do Bosque Cultivado, con sede en Burdeos, constituíndo unha rede entre diversos laboratorios de investigación, organismos de desenvolvemento forestal e organizacións profesionais do sur de Europa. Os participantes galegos son a Universidade de Santiago de Compostela, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais e a Asociación Forestal de Galicia.
Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, por medio da Iniciativa Comunitaria FEDER-INTERREG III B Espazo Atlántico, e o seu obxectivo principal é o estudo das posibilidades reais da aplicación nos montes do sur de Europa de indicadores de xestión forestal sostible, seguindo o modelo Paneuropeo proposto pola Conferencia Interministerial de Helsinki de 1993, na Conferencia de Lisboa de 1998 e tendo en conta as melloras adoptadas na Conferencia Ministerial de Viena no 2003.
Establécense en particular unha serie de protocolos para testar indicadores correspondentes a 6 criterios xerais de xestión forestal sostible, as alternativas metodolóxicas para a súa avaliación, a validación destas metodoloxías, o custo e a adaptación das diferentes escalas de traballo. Polo tanto, trátase de determinar que indicadores, valores concretos medibles sobre o terreo, deben considerarse para saber se cada un dos seis criterios se están tendo en conta de cara a unha xestión forestal sostible e compatible coas premisas ambientais actuais, tanto a escala rexional como nas unidades forestais.
Pódese consultar máis información na web http//www.iefc.net.
|