O sector forestal galego cumpre, no seu conxunto, un importante papel na economía da nosa sociedade; este sector, que hoxe acada un segundo posto nas exportacións e se converte no medio de vida dunha importante parte da nosa poboación traballadora, aínda mantén unha feble presenza nos medios de comunicación. Temáticas como o prezo da madeira, o futuro de ENCE, os parques eólicos, as expropiacións fan que xa comecen a agromar na prensa e fan que medre o interese polos asuntos que afectan aos produtores forestais e ás industrias transformadoras.
É ben sabido que nas sociedades democráticas as reclamacións ou demandas dos cidadáns son as que moven os gobernantes. Estas demandas atraen a atención dos políticos ou non, dependendo tanto da cantidade de persoas representadas como da forma con que defendan a súa reclamación.
Os propietarios forestais somos de seu xente tranquila, que foxe das liortas e do protagonismo, andamos espallados polo territorio baixo as árbores e isto fai que os nosos problemas non preocupen moito aos poderes públicos e aínda menos aos lexisladores parlamentarios ao longo das lexislaturas. Como andamos en vésperas de eleccións autonómicas sería bo que os diferentes partidos políticos saiban da importancia social e económica deste sector e que entendan que as familias de propietarios de montes con actividade nos mesmos pode que superemos as 250.000 en Galicia; estas familias non sempre dependen basicamente deste recurso, pero son amantes da natureza, dos seus predios e do patrimonio familiar, polo que lle dedican tempo e cartos a conservalos xustificando en moitos casos rendibilidades moi dubidosas, mais converténdose de feito en coidadores do medio natural que é un ben común cada día máis aprezado nas sociedades avanzadas.
Desde hai 18 anos un dos eidos da actividade social que máis medrou neste sector foi o do asociacionismo dos propietarios de montes, tanto veciñais como particulares. Froito desa inquedanza por asociarse foi a creación da AFG, a nosa asociación, que ao longo da súa vida foi sempre unha avanzada nesta materia concertando inquedanzas, aportando coñecementos e solucións aos problemas do sector, sempre a prol da mellora das actividades técnicas e da calidade de vida das persoas que del viven.
O monte pode producir moitos bens, mais soamente esa produtividade será factíbel se se conta cos propietarios desas terras dentro dunha xestión forestal sostíbel; o contrario disto é a desfeita e o caos.
Os recursos forestais como a madeira, os cogumelos, as castañas, as enerxías renovábeis que nestes espazos se obteñen, a produción de bens intanxíbeis como o osíxeno e o papel de sumidoiro de carbono, as augas limpas para o consumo dos cidadáns ou para produción de enerxía, o lecer en múltiples formas que aportan estes espazos abertos e outros bens máis, teñen que ser participados de forma importante por quen o manteñen vivo co seu traballo e con seus recursos económicos. Nesta participación está claramente unha das posíbeis respostas a esa demanda do goberno galego que pide ideas para manter a poboación no rural.
Vintesete anos despois daquel berro de “O monte é noso” contribuíron a afincar criterios claros dos nosos dereitos como cidadáns propietarios de montes, criterios que estamos dispostos a defender para conseguir os medios que nos permitan mellorar a nosa contribución á sociedade galega e obter dela o respaldo que o noso labor de produtores e conservadores do medio merece. |