Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 44

NORFOR, do grupo ENCE, creará un centro loxístico forestal en Ortigueira






O grupo pasteiro ENCE realizou o día 8 de marzo a presentación pública do seu novo Centro Loxístico Forestal no polígono industrial de Ortigueira. Nesta presentación expúxose o proxecto que conta co apoio do Concello de Ortigueira a través dun convenio asinado entre ambas institucións.

En palabras do presidente de ENCE e de Caixa Galicia, José Luis Méndez, este proxecto nace co fin de mellorar a rendibilidade da cadea da madeira mediante unha mellor eficiencia no proceso da loxística forestal, e implantarase no centro dunhas das maiores áreas produtivas de eucalipto de España. A inversión prevista nas distintas fases do proxecto ascende a 27 millóns de euros e prevé a creación de 35 postos de traballo directos e o movemento loxístico de entre 40 e 50 camións diarios.

Nunha primeira etapa crearase un parque que permitirá almacenar, clasificar e escascar a madeira de forma industrial. A madeira clasificada para a transformación en pasta para papel será estelada neste centro, e así transportar ás fábricas de Navia e de Pontevedra un produto, estelas de eucalipto, cunha primeira transformación que facilita o seu manexo e abarata os custos de transporte.

A segunda fase do proxecto, sen data prefixada para o inicio, prevé a instalación dun serradoiro e dunha planta de transformación de biomasa.

A primeira repercusión da creación deste centro no mercado local será que o estonado eucalipto deixarase de facer no monte como era tradicional na zona do Ortegal.

¿Comezarase a revalorizar a casca como produto industrial?, ¿en canto diminuirán para o produtor os custos de corta e saca da madeira ao non ter que escascar a madeira no monte?, a mellora na loxística de transporte do eucalipto á fábrica ¿repercutirá nunha mellora do prezo en cargadoiro?. O tempo encargarase de contestar.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es