Melloras na fiscalidade dos montes veciñais
|
O Presidente da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Fernández de Ana Magán e mais o Director Francisco Dans del Valle reuníronse o 22 de febreiro en Madrid co Director Xeral de Tributos do Ministerio de Economía e Facenda e co Subdirector Xeral de Impostos sobre as Persoas Xurídicas para presentar unha serie de propostas de mellora no tratamento fiscal que reciben as comunidades de montes veciñais.
En 1998 a Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE) promoveu un debate institucional coas autoridades tributarias para estabelecer, entre outras melloras fiscais, un réxime fiscal específico para as comunidades de montes. Durante un ano COSE participou activamente no Grupo de Fiscalidade Forestal convocado polo Instituto de Estudos Fiscais. En decembro de 1998 o Congreso dos Deputados aprobou un réxime específico para os montes veciñais dentro do Imposto sobre Sociedades.
No ano 2002, despois de tres anos de vixencia da nova normativa fiscal para os montes veciñais, e de acordo coas suxestións da administración tributaria, a AFG conxuntamente con COSE, realizaou un estudo sobre a incidencia da aplicación desta normativa na xestión dos montes veciñais e sobre a súa adaptación á realidade social das comunidades de montes baseado na experiencia da AFG con máis de duascentas comunidades de montes. Este estudo foi remitido a todas as comunidades de montes galegas, realizando despois debates abertos sobre o mesmo. Este documento foi remitido no seu día ao anterior goberno e aos distintos grupos parlamentarios.
En xaneiro de 2005 a AFG dirixiu unha carta ao Ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, solicitando en nome de COSE unha entrevista sobre o asunto. En febreiro contestáronnos do Ministerio propoñendo unha entrevista de traballo en Madrid.
|