Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 44

Jornadas Internacionales Fiscalidad y Financiación de Montes






A comezos dos anos 90, as organizacións de propietarios forestais agrupadas na Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE) iniciaron un proceso de análise sobre a fiscalidade que afecta aos bosques e sobre os soportes financeiros da actividade forestal. Tratábase de conseguir que os silvicultores dispuxeran dun marco fiscal e económico harmonizado dentro dunha das áreas forestais máis dinámicas de Europa. Ao longo destes anos sucedéronse foros e encontros técnicos, desenvolvéronse proxectos de cooperación como Eurosilvasur, apareceron publicacións na materia, creáronse sociedades financeiras específicas e constituíronse grupos de traballo que deron lugar a unha rede internacional de expertos.
Estas iniciativas espertaron o interese de distintos gobernos, que entenderon a necesidade de utilizar a fiscalidade como un instrumento de gran eficacia para desenvolver políticas forestais que asegurasen a sostibilidade da xestión dos bosques do sur de Europa.
Neste contexto, e nun momento de certa incertidume sobre o futuro dos bosques, a USSE, a través da Asociación Forestal de Galicia, organiza estas Xornadas Internacionais dedicadas a reflexionar conxuntamente sobre a situación actual e a evolución das condicións fiscais e financeiras en que desenvolven a súa actividade os propietarios forestais do sur de Europa.
As Xornadas contan co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración suscrito coa Asociación Forestal de Galicia, de Caixanova e da Unión de Silvicultores do Sur de Europa, así como coa cofinanciación dos fondos FEOGA-Orientación.

Obxectivos
_ Analizar o tratamento fiscal que recibe a actividade forestal, con especial atención ás sociedades de propietarios de montes.
_ Analizar a fiscalidade que afecta os montes veciñais en man común-baldíos e propor melloras no seu tratamento.
_ Reflexionar sobre o futuro das axudas públicas da UE en materia forestal no marco do novo Regulamento de Desenvolvemento Rural e da nova Estratexia Forestal Europea.
_ Explorar as posibilidades dos bosques dentro do Protocolo de Kioto e do plan da Unión Europea sobre o comercio de emisións de gases de efecto invernadoiro.
_ Presentar os produtos intanxíbeis que xeran os bosques e o seu futuro como valor de mercado.

Participantes
As Xornadas están dirixidas principalmente a propietarios forestais, membros de xuntas reitoras de comunidades de montes veciñais, directivos e técnicos das asociacións de propietarios forestais de España, Francia e Portugal, xestores forestais, funcionarios das distintas administracións relacionadas co sector forestal, expertos en economía forestal procedentes da banca, de empresas e institucións e tamén investigadores e estudantes universitarios interesados na economía forestal.

Inscrición
As persoas que queiran asistir ás Xornadas deberán inscribirse previamente antes do 12 de abril de 2005. A inscrición é gratuíta e formalizarase chamando á secretaría das Xornadas, teléfono 981 564 011 ou na sede central da Asociación Forestal de Galicia, rúa do Vilar, nº 33, 1º de Santiago de Compostela.
Tamén poderá realizarse a inscrición por fax 981 563 379 ou por correo electrónico asforgal@iies.es, indicando nome, apelidos e institución ou empresa á que pertence.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es