Bosques e plantacións forestais
Juan José Villarino Urtiaga Enxeñeiro de Montes e profesor de Silvicultura xubilado
|
En determinados ambientes universitarios do país galego deféndese con afouteza digna de mellor causa, que só merece o nome de bosque o poboamento arbóreo de especies autóctonas establecido no terreo por algún modo de rexeneración natural.
Mais cando nun lugar previamente desarborado se procede á instalación de plantas dunha ou varias especies forestais, a iso hai que chamarlle unha plantación.
Aí estamos todos de acordo: eu planto bidueiros, p. ex. en Pedrafita do Cebreiro e alí fica unha plantación (de bidueiros neste caso).
A cuestión é que para a ortodoxia, o nome de “plantación” non é revisable co paso do tempo: plantación é no momento inmediatamente posterior á súa instalación, cando as plantas son aínda de pequeño tamaño e non cobren senón unha escasa porción do terreo; e plantación ten que continuar sendo, se cadra corenta anos máis tarde, cunha espesura completa de copas xa constituída e filtrando o paso da luz ós estratos baixos da vexetación; e aínda albergando niños de aves nas súas franzas. Porque a plantación adoece desa especie de pecado orixinal que é a súa orixe “artificial” ou antropoxénica.
Eu vou procurar nos apartados seguintes expor o meu punto de vista sobre esta pretendida antinomia –bosques vs. plantacións– que en principio nin parece estar sustentada sobre unha sólida base conceptual nin desde o punto de vista práctico semella aportar innovación algunha de utilidade no eido da xestión ambiental sustentable. |