Medidas de política forestal galega
Propostas formuladas pola Asociación Forestal de Galicia
|
A comezos da andadura dunha nova lexislatura en Galicia, a Asociación Forestal de Galicia elaborou un documento coas medidas de política forestal que considera se deben poñer en práctica co obxectivo de asegurar o desenvolvemento sustentable dos montes galegos. Este artigo é un resumo do documento do mesmo título presentado á Xunta de Galicia.
A maior parte dos montes galegos son xestionados de forma privada, ben sexa por persoas físicas ou xurídicas. Trátase de 1,4 millóns de ha de monte de particulares e de 270.000 ha de monte veciñal en man común. A xestión destes montes realízana propietarios individuais ou comunidades de montes veciñais, directamente ou a través de asociacións, sociedades privadas e empresas de servizos, mentres a administración forestal xestiona 300.000 ha, fundamentalmente de montes veciñais. Nos terreos forestais de xestión privada prodúcese o 95% da facturación total do monte galego, madeira e outros recursos forestais.
O elevado número de propietarios forestais privados –máis de 400.000 propietarios de montes de particulares e máis de 2.800 comunidades de montes veciñais- dá ao monte en Galicia unha alta fortaleza baseada na lexitimidade social: a maioría das familias galegas teñen un vencello directo con el e perciben rendas da súa explotación. Tamén presenta unha gran debilidade radicada nas dificultades de xestión que provoca a elevada fragmentación da propiedade individual. |