Viaxe lúdico-formativo a Estremadura
|
Durante os días 9, 10, 11 e 12 de abril
de 2015 un grupo de dezaoito propietarios forestais,
entre os que estaba o presidente da AFG, viaxaron
a Estremadura para coñecer diversos aspectos
relacionados co aproveitamento nesta rexión
dos recursos naturais, forestais e enerxéticos.
O primeiro día o grupo desprazouse a Salamanca,
onde compartiu xantar con Jesús Castaño, presidente
da Asociación Forestal de Salamanca e da
Federación de Asociacións Forestais de Castela e
León ademais de con outros socios da AFG residentes
na cidade. Á tarde fíxose unha visita en
Guijuelo (Salamanca) á empresa de embutidos
ibéricos Castro y González acompañados do seu
director, Miguel González Castro na que o grupo
puido coñecer o proceso de fabricación do xamón
e dos demais embutidos que produce.
O día 10 pola mañá visitouse a planta de biomasa
de ENCE en Mérida onde o director da planta
dirixiu un percorrido pola mesma e mantivo un
coloquio moi interesante co grupo. O director,
Álvaro Rodrigo, indicou que a planta comezou a
funcionar no 2011 e que produce 20 MW eléctricos.
Actualmente a planta consume principalmente
chopo e eucalipto ademais de algo de piñeiro,
que en moitos casos chega de distancias que superan
os 100 km. O grupo tamén visitou unha finca
na que se estaba facendo unha corta de chopos
para estelar en campo e cuxo destino era o seu
aproveitamento enerxético nesta planta. |