Situación actual da sanidade forestal
|
Avespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus).
As principais organizacións do sector forestal, entre
elas a AFG, presentaron na reunión do Consello
Forestal celebrado en Santiago de Compostela o 5 de
xuño de 2015 un escrito, que foi integramente subscrito
por todo o Consello, solicitándolle á ministra
de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que
autorizase a loita biolóxica contra Dryocosmus kuriphilus,
mediante a solta do seu predador natural Torymus
sinensis. Tamén se lle pediu que se tomasen as
medidas precisas para a posta en marcha dun programa
de control biolóxico da praga de forma coordinada
coas comunidades autónomas.
O sector lembroulle á ministra, entre outras
cousas, a importancia económica da castaña en
Galicia, sobre todo nas zonas de montaña máis
despoboadas, e que non podiamos permanecer
pasivos ante a chegada dunha nova ameaza sanitaria
aos soutos galegos.
A conselleira comprometeuse a facerlle chegar
a demanda á ministra.
Segundo informa o Ministerio de Agricultura,
Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA),
en decembro de 2015 presentoulle á Rede Estatal
do Castiñeiro (órgano que agrupa os representantes
do sector da castañicultura das principais rexións
produtoras de España) un plan de loita biolóxica
contra a avespiña. Este plan inclúe un proxecto de
liberación experimental de Torymus sinensis, o seu
seguimento e investigación en colaboración co
Consello Superior de Investigacións científicas
(CSIC), o Instituto de Investigación e Formación
Agraria e Pesqueira (IFAPA) de Churriana, en
Málaga, e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en
Pontevedra. |