Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 59

Autoctonía (e aloctonía), en especies forestais



Juan José Villarino Urtiaga
Enxeñeiro de Montes e profesor de Silvicultura

As bases do debate. A cuestión de se unha árbore forestal é ou non autóctona, así formulada, pode producir no leigo na materia, a falsa impresión de que se está a falar dun atributo ou cualidade da propia especie. Non sendo precisamente dese modo a cousa, resulta preciso fixar xa desde o principio unha mínima armazón conceptual que faga posible unha discusión racional do tema. Os puntos a ter en conta, son como mínimo os tres seguintes:
1º.- O taxon ou unidade taxonómica. Normalmente tratarase da especie, inda que tamén se podería considerar unha categoría superior (o xénero) ou inferior (subespecie ou variedade).
2º.- A área xeográfico-ecolóxica na que se postula a autoctonía da especie.
Unha especie pode non estar presente nunha zona relativamente reducida en extensión da súa área de distribución natural (un concello ou unha bisbarra, por exemplo) e porén reaparecer cando se aumenta a superficie pescudada; este feito apunta a conclusión de que carece de sentido rebaixar excesivamente a extensión das áreas de referenza.
A Galicia atlántica forma parte da área de florestas eurosiberianas do vello continente e esta, do Reino Floral Holártico que inclúe ademais as correspondentes de Norteamérica.
A Pseudotsuga menziesii plantada en Galicia dificilmente pode considerarse como exótica cando provén de localizacións dentro do mesmo Reino Floral. Ás veces xurden controversias que teñen como orixe discrepancias na adscrición taxonómica da especie. Como exemplo desto último, direi que en anos relativamente recentes publicouse unha cita de Betula pendula, supostamente bidueiro nativo, no concello de Guntín, a uns 20 km de Lugo. Como resulta que arestora está xeralmente admitido que a denominación correcta para as poboacións de bidueiros de Galicia é a de Betula celtiberica, o lóxico sería concluír que é esta última especie a presente como autóctona na rexión (Meseta Central de Lugo). Betula pendula non é autóctona en Galicia pero iso non nos debe privar do recoñecemento de que amosa boa adaptación ó medio –alomenos nas áreas de meirande presenza de bidueiros nativos-; e ademais de que o seu valor ornamental é superior ó do autóctono B. celtiberica.
3º.- A necesidade de tomar en consideración as cuestións de tipo dinámico-temporal en conxunción coas anteriormente citadas. Este punto, pola súa relevancia, merece a apertura dun novo epígrafe.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es