Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 59

Entrevista a José Ramón Justo Feijóo, director da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA)






A Federación, BOAGA, naceu no ano 2002, mediante a unión das asociacións de criadores das cinco razas autóctonas de Galicia que están en perigo de extinción, cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, de alí ven o acrónimo de BOAGA (Bovino Autóctono de Galicia). No ano 2006, uníronse as asociacións de criadores de ovella galega (ASOVEGA) e de galiña de Mos (AVIMÓS), ata a actualidade con case 800 socios criadores que a forman, con 40.000 cabezas de gando e que segue conservando o nome de BOAGA para non perder as orixes.
Por outra banda, mantén convenio con CAPRIGA (Asociación de gandeiros de cabra galega), da que xestiona, como das outras sete razas, o seu libro xenealóxico así como a difusión delas.

¿En que situación se atopan actualmente as razas autóctonas de vacún, ovino, e caprino?
Á espera dos datos a 31 de decembro de 2015, que estamos en fase de elaboración, a “enfermidade” de perigo de extinción nestas especies, evoluciona favorablemente, cunha melloría notabilísima nos últimos 10 anos, pero que segue necesitando tratamento, e precisamente traballamos para que este tratamento que estamos a facer entre todos, non se converta en crónico e pase á fase de curación para poderlle dar a alta clínica. Pero, aínda que se pode pensar que enfocamos o esforzo nos animais, unha cousa que nos preocupa é a desaparición dos propios criadores ou mellor dito, que non aparezan novos, porque pouco facemos se aumentamos o gando e non temos xente para coidalo. Se imos aos datos, en vacún suman case 10.000 cabezas de gando, con 350 gandarías, destacando a raza cachena sobre as outras 4, seguido pola raza vianesa. En ovella galega existen 4.500 cabezas en 110 gandarías, en cabra galega, 710 animais con 68 gandeiros e en galiña de Mos, 25.000 cabezas en 240 gandarías.

¿Cales das razas autóctonas teñen na actualidade un maior interese desde o punto de vista produtivo?
Todas, sen dubidalo, pero ás veces o que nos vén á mente cando nos din “produtivo” en gandaría, é cantidade, cantidade de algo, carne, leite, ovos, pero non pasa o mesmo a nivel industrial, que, cando é produtivo, significa que o que se produce supera o seu custo. En gandería, e máis en razas autóctonas, deberiamos aplicar o mesmo pensamento industrial, en canto o que producen é superior ao que gastan, pero en xeral se unha tenreira non produce moitos quilos, ou un cordeiro é pequeno, din que son razas improdutivas ou non produtivas, cousa que co pensamento de cantidade pode ser certo, pero en ganancia económica non o é, e claramente todo isto, enmarcado nun contexto de produción de cantidade. Do mesmo xeito, nos terreos onde si se poden desenvolver estas razas, son insuperables fronte a outras, non existe competencia, namentres que estas razas autóctonas nosas si se desenvolven tamén en terreos de razas alóctonas. En resumo, poden estar en prados estupendos e en monte con matogueira, cousa que non ocorre coas razas alóctonas.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es