Reunión do Consello Forestal
|
O 27 de maio de 2014 celebrouse unha reunión do Consello Forestal de Galicia na
que se presentou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
(PLADIGA) correspondente á campaña do ano 2014. Do que pode destacarse que
se manteñen os mesmos obxectivos xerais do ano anterior e introdúcense algunhas novidades
en obxectivos específicos como as investigacións pormenorizadas nas 79 parroquias
máis conflitivas de Galicia, o fomento da educación en escolas e a inspección de
oficio do estado das redes de protección nas zonas afectadas polos incendios forestais
para comprobar a incidencia ou prexuízos que puideran deparar no caso de non estar
debidamente atendidas polos titulares responsables.
Na mesma xuntanza tamén se informou sobre os traballos de seguimento do control
de pragas forestais que se van realizar ao longo do ano 2014, e que se centrarán no
control do goniptero do eucalipto e do cancro do castiñeiro. Contra o goniptero emprégase
o sistema loita biolóxica coa distribución de 360.000 bolsas coas ootecas do seu
parasito Anaphes, abranguendo unhas 59.400 ha. As bolsas foron financiadas pola Xunta
de Galicia e por Aspapel. No caso do cancro do castiñeiro o sistema de loita é tamén
biolóxico mediante a inoculación de cepas hipovirulentas en 20.000 pés enfermos co
que se considera tratada unha superficie de 1.900 ha situada principalmente na zona
sur da provincia de Lugo e o leste da de Ourense. |