Jean-Louis Martres, guía e voz dos silvicultores do sur de Europa
|
O pasado ano faleceu en Aquitania Jean-Louis Martres. Catedrático
de Dereito Internacional pola Universidade de Burdeos, presidiu
durante máis de 20 anos a Unión de Silvicultores do Sur de Europa,
ao mesmo tempo que dirixía o Sindicato de Silvicultores de Aquitania,
unha das máis antigas organizacións de propietarios forestais de
Europa. A súa inmensa cultura, o seu coñecemento dos problemas
forestais e das políticas europeas e o seu sentido universalista da foresta,
dotaron aos silvicultores do sur de Europa de identidade, contribuíndo
a establecer un discurso específico e una lóxica de acción
sobre a política forestal que perdurarán no tempo.
Idea central no seu discurso e clave de interpretación da súa
acción como líder forestal é a necesidade ineludible de conformar
actores corporativos cunha clara identidade institucional. Este obxectivo
programático permitiulle poñer en pé -no medio da difusa
nube de silvicultores illados do Sur Atlántico de Europa- unha sorprendente
rede organizativa, que lles permitiu chegar a ter unha voz
propia como detentadores do recurso forestal. O primeiro paso foi un
apoio xeneroso ao nacemento e consolidación das asociacións forestais
de silvicultores no norte de España e particularmente en Galicia
e en Portugal. |