Plan Forestal de Galicia. Primeira revisión
José Pérez Vilariño Catedrático de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ex vicepresidente da Asociación Forestal de Galicia
|
Hai algunhas semanas, a Conselleira de Medio Rural comunicaba ao Consello Forestal a súa vontade de revisar o Plan Forestal de Galicia (PFG). Deste modo dá cumprimento, por primeira vez en vinte anos, á esixencia “estratexicamente indispensable” do propio Plan Forestal de “avaliar os resultados”, e en particular de revisar cada cinco anos “o seu grao de eficacia no logro das metas programadas e propoñer as revisións ou axustes oportunos” (Cap. VII: 550-551).
Este anuncio parece significar a clausura da lóxica dunha guerra sen cuartel contra os incendios forestais, que durante un cuarto de século dominou a política forestal autonómica e vén consumindo a parte do león dos fondos dispoñibles para o monte e os bosques. Un control razoable e satisfactorio do risco de incendios forestais non require unha guerra sistemática, que se fai cada ano máis ampla e cara, por estenderse á policía e o exército, a xustiza e as novas tecnoloxías. O PFG, aprobado sen un só voto en contra de ningún dos tres partidos parlamentarios, formulou en 1992 unha alternativa viable a longo prazo a esta guerra insostible. Tratábase de implantar unha nova lóxica de reconstrución do monte, seguindo unha estratexia similar á que rexe nos sectores máis innovadores e dinámicos. O seu principio de acción postula que o monte deixará de arder, a medida que os seus aproveitamentos resulten economicamente viables e socialmente útiles pola súa oferta de emprego e de servizos ambientais e recreativos. Con este propósito, o Plan deseñaba un triplo modelo de monte en función do seu uso principal:
|