Incendios forestais:
as crenzas e prexuízos fronte á
realidade
Francisco Dans del Valle Enxeñeiro de Montes e director da Asociación Forestal de Galicia
|
O verán do 2013 foi especialmente duro para
algúns montes veciñais socios da AFG. O caso
máis relevante foi o do monte veciñal en man
común de Santa Mariña do Rosal, un monte de
1.500 ha que produce madeira de piñeiro de alta
calidade, ben xestionado pola Comunidade de
montes e que dá emprego a máis de quince persoas.
Na noite do 23 de agosto de 2013 este monte
foi arrasado por un lume mal atallado que afectou
a máis de 800 ha e que comezou a 5 km fóra dos
límites do monte veciñal.
A catástrofe do monte veciñal do Rosal foi o
detonante para que a Xunta de Goberno da AFG
decidira elaborar un informe para recoller a opinión
dos propietarios forestais e demandar as
melloras que pensamos deben realizarse para controlar
os incendios forestais en Galicia.
Neste artigo recóllese un resumo do apartado
deste informe dedicado a analizar a importancia da
participación da cidadanía na prevención dos
incendios forestais.
O Informe sobre a situación dos incendios forestais
en Galicia que acaba de editar a AFG fai o diagnóstico
do problema desde a perspectiva dos propietarios
forestais galegos. Os silvicultores galegos queremos
iniciar un debate aberto que poida chegar a
formular unha política de Estado, compartida polos
principais axentes do sector e as institucións involucrados
e apoiada pola sociedade galega.
No informe formúlanse propostas de mellora
encamiñadas a diminuír o risco de incendios forestais
e a facer máis eficientes os recursos dedicados
ao control dos incendios forestais. |