Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 56

O parque do Sanatorio de Cesuras



Francisco Dans del Valle e Mª Cristina Verde Figueiras


A finca coñecida como Sanatorio de Cesuras ocupa unha superficie de 7,4 ha e ten a súa orixe na compra feita polo Dispensario Antituberculoso da Coruña no ano 1924 de varias parcelas para a construción dun Sanatorio antituberculoso de montaña cuxo proxecto correu a cargo do arquitecto coruñés Rafael González Villar.

A escolla desta finca parece que se debeu á confluencia de varios factores: a súa relativa proximidade á cidade da Coruña e ao seu porto, a súa boa comunicación por vía férrea, a súa altitude, as facilidades dadas por varios propietarios do lugar para a compra do solo, a súa localización con boa exposición ao sur e a resgardo dos ventos fríos e a que o número de enfermos de tuberculose neste concello era baixo con respecto á media galega. No ano 1923 Cesuras e As Somozas foran os únicos concellos galegos que non detectaran ningún enfermo con esta mortífera enfermidade.

O autor do proxecto
O arquitecto do proxecto do sanatorio, Rafael González Villar (1887-1941), naceu na Coruña en 1887, graduándose como arquitecto na escola de Madrid en 1911. É autor de obras tan emblemáticas como o denominado Kiosko Alfonso e o cine Avenida na Coruña. En Betanzos realizou os proxectos da Casa Núñez, o mercado municipal, o palco da música e as Escolas Jesús García Naveira, entre outros. En Santiago a súa única obra foi o desaparecido Edificio Castromil.

Rafael González fixo dous proxectos do Sanatorio, un en 1924 e outro en 1927, descoñecemos cal foi o motivo de refacer o proxecto orixinario.

O proxecto definitivo contaba con tres corpos, os dous laterais iguais e un central dun só andar flanqueado por dúas torres. As ruínas que hoxe se conservan correspóndense ao pavillón lateral esquerdo de tres alturas máis un soto.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es