Consideracións sobre o 4º Inventario Forestal de Galicia
Francisco Dans del Valle Enxeñeiro de Montes. Director da AFG
|
A realidade forestal avalíase a través do tempo a partir da información proporcionada polos Inventarios Forestais Nacionais. Os inventarios realízanse cada dez ou quince anos en todas as Comunidades Autónomas. No ano 2009 realizouse a toma de datos no campo e no 2012, separado doce anos respecto do anterior inventario, publicouse o cuarto inventario forestal de Galicia (IFN IV). Os datos son públicos e preséntanse desagregados a escala provincial e rexional.
Os inventarios forestais están fundamentalmente orientados a coñecer as características silvícolas das masas forestais, en particular as superficies que ocupan as diferentes formacións forestais, as existencias en madeira que albergan os montes e os seus crecementos. A comparación cos datos dos inventarios anteriores permite coñecer con precisión a evolución do monte galego a través do tempo.
Non obstante e a pesar da demanda xeneralizada dos silvicultores, estes inventarios non entran noutros aspectos que, no caso de Galicia, resultan determinantes. Así, os datos relativos á propiedade forestal son irrelevantes e a relación da información inventarial cos diferentes tipos de propiedade e de xestión existentes en Galicia non se elabora, facendo imposible efectuar unha análise real do manexo dos montes galegos.
|