Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 54

Manuel Ignacio González Yebra-Pimentel, propietario forestal en Carballedo






Manuel Ignacio González Yebra-Pimentel, médico de profesión, é propietario forestal no concello de Carballedo (Lugo). A súa propiedade (8 ha) está integramente plantada de castiñeiro para a produción de castaña de calidade.
O concello de Carballedo está situado no suroeste da provincia de Lugo limitando xa coa provincia de Ourense, parte do seu territorio está situado na denominada Ribeira Sacra lucense. O 46% da superficie municipal é forestal arborada (6.323 ha), a maior parte de montes de particulares, só existen tres comunidades de montes veciñais en man común na parroquia de Furco.

A propiedade que xestiona foi comprada integramente por vostede, non foi herdada ningunha parte dela ¿como é que se lle ocorre a un médico afincado en Vigo facerse cunha propiedade forestal no concello lucense de Carballedo? Hai tres factores fundamentais que influíron na decisión, por un lado a miña familia materna está moi ligada ao campo e ao monte. Por outro, tiven unha parcela en Tomiño con cinco castiñeiros cunha produción tal, que despois de regalar castañas a todos os amigos, familiares e veciños, inda me quedaban castañas para vender, co que concluín que tal vez a produción de castaña era rendible.
E o outro factor é que ós 40 anos no meu contorno falábase de que era un bo momento para iniciar un plan de xubilación. A produción de castaña eu creo que dá para poder vivir dela pero cunha espera moi longa e por iso é un bo plan de xubilación.
Todo isto, unido a unha idea primitiva de buscar un complemento que me evitase facer gardas no centro de saúde, fixo que comezase a informarme sobre a produción de castaña. A elección de Carballedo veu dada pola oportunidade de poder comprar a parcela neste concello e pola súa proximidade ao de Chantada de onde é orixinaria a miña familia.

O seu monte abrangue agora 8 ha, ¿cando o comprou formaba parte dun único predio ou tivo que comprar parcelas a diferentes propietarios? A miña propiedade é produto da compra de 43 parcelas a cinco propietarios diferentes. De aí que teña unha forma moi irregular, o que me supón algúns contratempos, sobre todo á hora de construír e manter o peche que teño feito para protexer a plantación do corzo. Algunha das parcelas iniciais conseguín intercambialas cun veciño, para, polo menos darlle continuidade ao predio.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es