O novo concurso eólico
A visión desde a perspectiva do propietario do monte
Daniel Rodríguez Cebreiro Responsable económico da AFG
|
O prazo para presentación de proxectos para o coñecido como “concurso eólico” pechouse o pasado 19 de xullo. Ao longo de tres meses, as entidades interesadas puideron concretar os seus proxectos para optar a algún dos 2.325 MW que saíron a concurso. A intención deste artigo é analizalo desde a visión do propietario das parcelas onde se van instalar os parques eólicos e os beneficios (ou prexuízos) que, de cara a unha negociación futura, este concurso vai ter para o mesmo.
A nova modalidade de “concurso” cambiou de forma radical o proceder dos promotores eólicos. Antes de realizar o primeiro no ano 2008, a forma de concedelos, mediante adxudicación directa, implicaba que para cando o promotor se achegaba ata o propietario dos terreos, aquel xa tiña a seguridade de que lle serían aprobados os trámites necesarios, tiña a exclusividade para instalar os seus aeroxeradores nas zonas acordadas no Plan Eólico de Galicia e, por se iso non fose abondo, tiña a posibilidade de utilizar a “arma” da expropiación forzosa para convencer a todo aquel que non aceptase a proposta que poñía sobre a mesa. Como resultado de todo isto, os pagos en concepto de arrendamento estaban moi por debaixo dos do resto de España e dependía moito máis da boa vontade do promotor eólico, que das capacidades negociadoras do propietario. |