A reforma da PAC 2013 e a silvicultura
Inazio Martínez de Arano Presidente executivo da USSE
|
A Política Agraria Común da UE (PAC) é unha das políticas máis antigas da Unión Europea e sufriu numerosas reformas ao longo da súa historia. A lexislación da PAC actual finaliza no 2013 e a Comisión Europea abriu un debate para analizar as bases da reforma que deberá estar operativa dentro de dous anos. A Unión de Silvicultores do Sur de Europa (USSE) ven de elaborar un informe no que se analizan os resultados do período 2007-2010 e se formulan as demandas e obxectivos dos propietarios forestais do sur de Europa de cara a esta reforma.
Os bosques europeos representan un 45% da superficie da Unión Europea e xeran grandes cantidades de bens e servizos. Ademais dos bens e produtos convencionais, os bosques teñen o potencial de facer unha enorme contribución a resolver os desafíos do cambio climático e a enerxía mediante o secuestro do carbono e a provisión de materiais renovables para a produción, construción e bioenerxía; tamén poden desempeñar un papel máis importante no reto da biodiversidade. Por outro lado, os bosques poden sufrir as consecuencias do cambio climático e a globalización en forma dunha maior frecuencia de eventos climáticos extremos, catástrofes forestais e brotes de pragas e enfermidades.
|