Reunión do directorio da USSE en Madrid
O pasado 16 de decembro celebrouse en Madrid o Directorio da Unión de Silvicultores do Sur de Europa ao que asistiron representantes das asociacións forestais de Aquitania, Portugal, Galicia, País Vasco, Navarra, Madrid, Cantabria, Castilla-La Mancha e Castilla-León.
Nesta reunión aprobouse a axenda institucional de USSE para o ano 2010, dedicada fundamentalmente a buscar camiños estratéxicos para saír da crise na que se atopa a silvicultura europea.
Xornada de difusión da silvicultura do sur de Europa en Bruxelas
A finais do mes de marzo de 2010 a USSE presentará en Bruxelas o seu Informe anual sobre política forestal europea. Coincidindo con este acto celebrarase a inauguración oficial da oficina de USSE en Bruxelas.
Comercio ilegal de madeira. Disposicións europeas sobre cortas ilegais
A corta e o comercio ilegal de madeira son factores que contribúen dunha maneira significativa, pero difícil de cuantificar, á deforestación no mundo. A madeira extraída nestas talas representa o 20% das emisións totais de carbono e é causa de perda de biodiversidade. Por outro lado, o comercio ilegal destas madeiras resta competitividade ás operacións lexítimas do sector forestal e ocasiona graves perdas aos gobernos. É ademais un factor que produce mala imaxe e que xera unha sombra de dúbida sobre o valor da madeira e dos produtos forestais como materiais sostibles.
Preocupada por esta situación, a Unión Europea lanzou no 2003 o Plan de Acción FLEGT (Forest Law Enforcement, Governance and Trade) e no 2005 o regulamento FLEGT. Trátabase de establecer acordos bilaterais entre a Unión Europea e terceiros países que permitiran garantir o bo goberno forestal e outorgar pasaportes FLEGT aos produtos forestais provenientes deses países. Ata agora pecháronse ou estanse negociando acordos cun grupo de países tales como Ghana, Camerún, República Centroafricana, Congo e Gabón. |