Nova regulación do aproveitamento eólico en Galicia
José Luis Corral Rey Propietario forestal e presidente da Federación Terra Eólica
|
O Parlamento de Galicia tramitou unha nova lei para regular o aproveitamento da enerxía eólica. Esta é a cuarta norma que regula esta actividade nos últimos 14 anos e unha vez máis os propietarios dos terreos afectados foron esquecidos.
Para a Asociación Forestal de Galicia esta febre lexislativa ao redor deste aproveitamento enerxético, supuxo que nos últimos 14 anos tivera que defender ata catro veces (mediante alegacións e observacións aos contidos dos proxectos lexislativos e múltiples reunións cos responsables políticos) os intereses dos propietarios de montes particulares e de comunidades de montes veciñais en man común, que, paradoxalmente, sempre son os grandes esquecidos dos lexisladores da materia, a pesar de ser os donos dos terreos onde se asentan os parques eólicos e as liñas de evacuación. Con maior ou menor éxito, pero sempre co mesmo empeño, de cada vez intentouse que cada un dos decretos e leis aprobados recollese as reivindicacións dos propietarios forestais.
Durante todo este tempo a AFG centrou os seus esforzos en conseguir que os propietarios forestais galegos non se viran excluídos deste novo negocio que se instalaba nos seus terreos, en evitar por todos os medios as expropiacións forzosas e conseguir unha compensación xusta para os propietarios dos terreos afectados. |