A investigación forestal en Galicia (I)
Creación da Plataforma Tecnolóxica Forestal Galega
Francisco Dans del Valle e Francisco J. Fernández de Ana Magán
|
O desmantelamento da investigación no ámbito forestal que se está a producir en Galicia é un feito incuestionable. Ao mesmo tempo varias institucións, a impulso das iniciativas propias dos seus equipos ou respondendo a encargos específicos do sector, traballan con renovadas forzas pero de forma desartellada. Neste convulso marco nace a Plataforma Tecnolóxica Forestal Galega, un ente ao servizo do sector, liderado polas empresas e organizacións profesionais, que aparece como a entidade capaz de coller o temón e marcar o rumbo que require o I+D forestal en Galicia.
En dous artigos, o presidente e o director da AFG analizan a situación da investigación en Galicia e plantexan, desde a perspectiva dos actores do sector, os retos aos que se enfronta a investigación forestal.
Acabar con institucións asentadas, consolidadas no tempo co esforzo de centos de expertos que colaboraron no deu desenvolvemento aportando coñecementos e experiencia, convértese xa no noso sector nun nefasto costume que conta con moitos adeptos entre a nosa clase política e mesmo no clube de novos empresarios que manexan importantes recursos coa lixeireza de quen non ten responsabilidade ante a sociedade. Véxase a práctica desaparición da actividade forestal no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, con máis de 65 anos de patrimonio investigador e lugar de referencia forestal a escala mundial, e o peche do centro de investigación de ENCE, punteiro na mellora xenética do eucalipto. |