Novas oportunidades para os silvicultores
Francisco J. Fernández de Ana Magán Presidente AFG
|
Dado que os prezos da madeira están indo a menos nestes últimos anos e que as graves problemáticas do sector forestal galego non parecen conmover a nosa sociedade, os silvicultores estamos na obriga de percurar novas posibilidades económicas que nos permitan manter vivas as nosas actividades forestais que tanto ben aportan á conservación do medio natural e á xeración de recursos económicos para ben de todos.
Neste ámbito, dous importantes valores dos nosos bosques estanse poñendo de actualidade enriba do tapete: a creación de enerxía limpa e o aporte á redución da contaminación ambiental.
No primeiro destes valores a AFG vén loitando para liderar o tren da biomasa forestal primaria; defendemos que este é un recurso dos propietarios e que a nós nos toca decidir como o queremos xestionar. Neste caso tentamos facer deste recurso un apoio económico que nos permita, de xeito directo, mellorar a silvicultura, obter con isto unha mellor calidade de madeira e unha maior seguridade para os nosos montes ante os incendios e as pragas. Dun xeito indirecto tentamos achegar máis dinamismo ao medio rural, con máis e mellores postos de traballo, aportar un recurso enerxético limpo para uso colectivo ou individual e con todo iso dar un maior benestar á nosa xente.
No segundo destes valores, consideramos que do mesmo xeito que “quen contamina paga” debera ser que “quen descontamina cobra” e nós facemos unha importante aportación nesa descontaminación coa fixación do dióxido de carbono tanto na madeira como no solo dos nosos montes. Por este labor temos dereito a que se nos aporten recursos da sociedade que doutro xeito se gastarían en pagar a cota de contaminación das grandes centrais produtoras destes gases. Esta baza xogámola a curto prazo no proceso de revisión do protocolo de Kioto e aí estamos nós coas nosas organizacións nacionais e europeas.
Agora que estamos en época electoral é un bo momento para demandar dos nosos políticos unha posición ao respecto destas e outras temáticas que afectan o monte.
|