Integración dos montes na trama urbana
O caso dos montes periurbanos de Vigo
José Pérez Vilariño, Sara Mª Torres Outón e Daniel Fernández Fernández
|
Ao longo das últimas décadas do pasado século producíronse en Galicia unha serie de importantes cambios socioeconómicos que afectaron profundamente aos nosos montes e espazos forestais. Quizais o cambio de maior calado e con máis influencia no sector forestal se debe ao feito de que Galicia pasou de ser unha sociedade rural a se converter nunha sociedade eminentemente urbana.
Durante séculos o monte foi un recurso de primeira orde no entramado económico da Galicia rural. Ademais de madeira, o monte ofrecíalles ás economías domésticas toda unha serie de beneficios derivados do aproveitamento da leña, pastos, froitos silvestres, mato, caza, estivadas, produción de adubo orgánico... e incluso oferta de terreos agrícolas en caso de necesidade. O monte estaba perfectamente integrado no entramado social, económico e cultural da comunidade rural galega, e o lume constituía unha importante
ferramenta na xestión destes espazos.
A crise da sociedade rural trouxo consigo o abandono xeralizado dos montes e de amplos espazos agrarios que incrementaron a superficie a monte. O proceso de abandono das terras do interior tende a coincidir no tempo cunha forte confusión de usos dos novos espazos periurbanos ocupados, de forma tan desordenada coma brusca, polos novos urbanitas, incapaces de conseguir un aloxamento nas áreas urbanizadas.
Nos albores do século XXI o monte galego é claramente un recurso de futuro que debe afrontar o dobre reto da modernización e da crecente complexidade que lle impón a nova lóxica urbano-metropolitana.
|