Aproveitamento enerxético da biomasa forestal en Galicia
A visión dos propietarios forestais
Francisco Dans del Valle e Braulio Molina Martínez
|
A entrada da biomasa forestal primaria nos mercados do sur de Europa como un novo recurso enerxético é un feito incuestionable. En todas as rexións de importancia forestal comézanse a dar os primeiros pasos na formación dun sector ata agora inexistente. Nos albores deste proceso, Galicia, como primeira rexión forestal no conxunto español, está tratando de sentar as bases de desenvolvemento deste sector. Os propietarios forestais agrupados na Asociación Forestal de Galicia levamos tempo traballando para que os silvicultores ocupemos o papel protagonista que esixe a nosa condición de donos e produtores deste recurso.
Conscientes desta situación, a Xunta de Galicia vén de presentar para a súa discusión polos axentes involucrados o Plan técnico de aproveitamento enerxético da biomasa forestal. O plan chega nun momento estratéxico ante as expectativas de inversión existentes en Galicia e ante a inminente definición da política do Estado sobre enerxías renovables.
Na opinión da AFG, os obxectivos do plan sobre a biomasa, a descrición do contexto e os instrumentos que inclúe son, axeitados, así como a política transversal de coordinación entre as administracións forestal e a enerxética, propoñendo instrumentos de planificación articulados.
As liñas estratéxicas do plan son apropiadas, aínda que entre elas exista algún elemento contraditorio. En particular, entre a primeira e a cuarta liña estratéxicas, das máis importantes, xa que van dirixidas a planificar o desenvolvemento do sector. A primeira delas impulsa a realización de estudos de avaliación do recurso, é dicir, recoñécese que é necesario mellorar o grao de coñecemento sobre as existencias e produción de biomasa nos montes galegos. A segunda propón un programa de aproveitamento enerxético en sete áreas xeográficas estratéxicas onde, baseándose nas posibilidades do recurso, deberían ubicarse as plantas de transformación.
Parece pouco acertado propoñer áreas estratéxicas sen ter ben avaliado o recurso.
Estas liñas están directamente vencelladas ás conclusións e recomendacións contidas no Informe potencial da biomasa forestal en Galicia elaborado a finais do 2006 pola Consellería do Medio Rural. Por iso, resulta necesario repasar este documento.
|