Dificultades na comercialización de madeira queimada
Manuel Pazos Lamoso Xerente da unidade de comercialización de madeira de Selga
|
O mercado da madeira neste primeiro trimestre de 2007 está claramente condicionado pola gran vaga de lumes que asolou Galicia durante o verán pasado e que provocou a aparición no mercado dunha enorme cantidade de madeira. Este problema é menor nas zonas onde a influencia dos lumes foi escasa (Ortegal coruñés e Mariña lucense).
Aínda que a industria subscribiu o Acordo Forestal polo que se comprometeu a manter o prezo en fábrica da madeira queimada como se fose verde, os prezos da madeira en pé sufriron unha forte baixada debido á excesiva oferta de madeira.
Un dos principais prexudicados son as comunidades de montes que teñen convenios ou consorcios coa Consellería do Medio Rural, nas que existen nada menos que 600.000 m3 de madeira queimada. Por parte dos rematantes de madeira acúsase á Xunta de sacar madeira non comercial á poxa, de poñer condicións do aproveitamento demasiado esixentes (obriga de triturar ou picar os restos da corta, etc.) ou de ter cubicacións de madeira superiores ás existencias reais. A Xunta alega que as taxacións foron feitas por persoal técnico plenamente cualificado, que os prezos de saída son mínimos e que toda esta situación se debe a un exceso de madeira que fai que os compradores non queiran ofertar o que realmente vale.
|