Desaparece a produción de taboleiro en Mondoñedo
O grupo FINSA compra a empresa de aglomerados ECAR. Os novos donos dedicarán a planta á produción de mobles
Manuel Pazos Lamoso Xerente da Unidade de Comercialización de Selga
|
Durante o pasado 26 de maio o grupo madeireiro Finsa (Financiera Maderera S.A.) adquiriu unha das fábricas de taboleiros máis emblemáticas da provincia de Lugo, Aglomerados Ecar, en Mondoñedo. De feito, xunto con Tafisa en Pontevedra e Finsa en Padrón (A Coruña) foi unha das primeiras industrias de taboleiros existentes en Galicia.
A empresa viña arrastrando perdas económicas nos últimos exercizos e despois de meses de negociación coa empresa santiaguesa chegouse ao acordo final de venda.
A empresa Aglomerados Ecar comezou a súa actividade dentro do sector dos taboleiros en 1967, mediante a fabricación de taboleiros de partículas que eran vendidos principalmente no mercado nacional. A planta tiña un consumo diario de madeira de 500 toneladas, empregando principalmente madeira de piñeiro para a súa fabricación. |