Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 45

O aproveitamento da biomasa forestal primaria



Francisco Dans del Valle
Enxeñeiro de Montes, Director da AFG

Os silvicultores compartimos plenamente o diagnóstico feito na Unión Europea sobre o importantísimo papel que deben exercer os montes na consecución dos obxectivos de produción de enerxía a partir de recursos renovábeis. Pero ao mesmo tempo estamos convencidos de que a nosa participación activa no proceso de aproveitamento dos recursos resulta indispensábel para garantir a sustentabilidade futura dos montes e para dotar de viabilidade o sistema.

A biomasa forestal primaria
Ao noso entender, a biomasa forestal primaria existente nos montes galegos e que pode ser utilizada con fins enerxéticos estaría formada por materiais vexetais procedentes de coidados silvícolas como son as podas, escolla de abrollos, desmestas, cortas fitosanitarias e rozas; residuos de aproveitamentos madeireiros, sexan procedentes de cortas finais ou de cortas intermedias e leñas procedentes de podas ou material procedente de cultivos enerxéticos, leñosos e herbáceos, pode ser nun futuro cercano un recurso de primeira magnitude.

Así pois, a biomasa forestal primaria inclúe verdadeiros recursos, produtos silvícolas con valor de mercado pero tal vez ata agora pouco empregados en finalidades enerxéticas e tamén residuos ou refugallos provenientes de operacións forestais que teñen outra finalidade principal, caso dos restos das cortas finais. Na medida en que exista un crecemento da súa demanda no mercado entendemos que todos eles terán a categoría de recurso, e non é arriscado pensar, dado o forte incremento do consumo de enerxía e a careza dos combustíbeis fósiles, que en Galicia alcanzarán a categoría de recursos estratéxicos.

A organización dos produtores forestais
Na transformación enerxética do material vexetal (produción eléctrica, calorífica ou de biocarburantes) as garantías de orixe e de subministro constitúen o aspecto fundamental no proceso de despegue. Isto significa que en Galicia deberiamos contar con estruturas locais que agrupen aos produtores e dispoñer de empresas de servizos que traballen de forma mecanizada para facer viábel as operacións de explotación e transporte de biomasa.

Esta aseveración está suficientemente contrastada pola experiencia dos países nos que os procesos de aproveitamento enerxético da biomasa forestal xa se iniciaron hai anos. É o caso de Suecia onde se parte practicamente de cero a comezos da década dos 80 e onde na actualidade o 80% dos concellos do país contan con centrais de produción de enerxía a partir da biomasa. As asociacións de propietarios forestais ocúpanse na maioría deles de xestionar o recurso, cunha eficaz política de alianza entre os silvicultores e os transformadores de enerxía.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es