Aprobado o Referente Técnico Rexional
O día 13 de maio celebrouse en Santiago de Compostela a asemblea xeral anual da Entidade Solicitante de Certificación Forestal PEFC en Galicia na que se aprobou o Referente Técnico Rexional, documento base para poder solicitar a PEFC-España a certificació
|
A Entidade Solicitante é unha asociación que agrupa a asociacións e institucións do sector forestal interesadas polo uso do selo PEFC. Este selo que levarán os mobles, obxectos e produtos derivados da madeira, garantiralle ao consumidor final que a madeira empregada na súa elaboración procede de montes nos que se aplican criterios de xestión sostíbel.
Desde a constitución da Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal o 17 de setembro de 2003, formada por 22 organizacións de ámbito galego vencelladas ao sector forestal, traballouse para estabelecer as bases da certificación PEFC a escala rexional. Esta modalidade permitirá que os propietarios forestais galegos poidan certificar a madeira dos seus montes dunha forma sinxela e viábel economicamente.
O Referente Técnico Rexional foi elaborado ao longo do pasado ano por un equipo de expertos de diferentes ámbitos profesionais: Universidade, Administración e asociacións do sector, especializados nos distintos campos que abrangue a norma UNE 162002-2 sobre os criterios e indicadores para a avaliación a escala rexional da xestión forestal sostíbel. O documento analiza de forma obxectiva a situación actual do monte galego, as fontes de información para obter os datos de avaliación, a evolución previsíbel nos vindeiros anos e a tendencia cara a sostibilidade segundo os criterios que estabelece a Norma. Tamén se reflicten os principios do código de boas prácticas silvícolas, código que deberán respectar os propietarios forestais que se adhiran ao sistema. |