Chega o verán, tempo quente e de seca nos montes e con el o lume. Os forestais sentimos a inquedanza do perigo constante a que están expostos o noso traballo e a nosa ilusión como silvicultores. Nese sentimento xorde tamén o noso pesar e agradecemento para os que co seu traballo e arriscando a súa vida levan a cabo a defensa deste patrimonio; A AFG quere lembrar e render tributo á memoria do último traballador, piloto, morto neste ano, xuntamente con outros que faleceron con anterioridade servindo á nosa sociedade. Soamente a choiva redentora nos libera desa presión anímica, polo menos por un tempo máis ou menos longo.
Todos estamos de acordo en que a fraxilidade do monte galego, pola súa tipoloxía, require dispor dun bo Servizo de Defensa Contra o Lume. Sabemos que non podemos prescindir del, xa que oito mil lumes ao ano obrigan a manter esa vixianza cáseque constantemente; loxicamente é desexábel melloralo dentro duns orzamentos que aporten máis axuda a un sector tan importante para a economía e o medio ambiente. |