Mercado da madeira en Galicia
Xosé Covelo Míguez Xerente da unidade de comercialización de madeira de Selga
|
Prezos estables no eucalipto. Levamos unha tempada
que os prezos do eucalipto glóbulus estabilizáronse
e mesmo se observaron certas melloras
progresivas respecto ao prezo acadado tras a importante
baixada de mediados do ano 2014. A progresiva
subida do valor da pasta de papel ao longo do
2015 e que aínda persiste levou a compensar en
gran parte esa baixada, iso si, sen chegar a recuperar
prezos previos a 2014. Non se espera que se
chegue a curto ou medio prazo a acadar eses valores,
pero non é de esperar que os prezos do eucalipto
glóbulus para pasta de papel poidan chegar a
descender nos vindeiros meses.
Non foi nin é o caso do eucalipto nitens. Esta
especie aparentemente presenta cada vez menos
interese para a industria pasteira. De aí que diversas
empresas o paguen moi por debaixo do glóbulus,
entre 6 e 14 euros por tonelada menos. En
todo caso é preciso indicar que “aparentemente”
en moitos casos pode parecer que o nitens se
vende a prezos similares que o glóbulus. Hai que
ter en conta que o nitens véndese case sempre sen
casca, uns seis euros superior ao prezo respecto á
madeira con casca, mentres que en glóbulus pódese
falar tanto con casca como sen casca. Ou sexa,
non son comparables prezos de nitens sen casca
con referencias de glóbulus con casca. Se hai un
ano, o nitens e o globulus rondaban os 30-31 euros
(en pé, con casca, sen IVE), agora o nitens págase
a 22-24 euros no mellor dos casos. |