Cursos e viaxes formativos 2014
|
Durante o ano 2014 a Asociación Forestal de Galicia organizou dúas viaxes técnicas cos socios de moi diferente temática forestal. A primeira delas tivo lugar o 7 e 8 de xuño e nela visitouse a Estación Científica do Courel, guiados polo seu director e tamén vicepresidente da Asociación Forestal de Galicia, Antonio Rigueiro, quen nos ensinou as instalacións e explicounos as actividades que alí se desenvolven e as que están previstas para o futuro. Antonio Rigueiro acompañounos tamén á visita dunha formación xeolóxica que se pode ver no Courel, coñecida como “taro” que son afloramentos de materiais calcáreos. A visita ao Courel rematou cunha pequena andaina pola Devesa da Rogueira.
O resto da viaxe foi dedicada a coñecer diferentes exemplos de dinamización da economía rural a través da visita en Quiroga a unha pequena empresa de envasado de produtos do monte, Caurelor, a recuperación da tradición da olería en Gundivós (Sober) e a recuperación de cepas de viño tradicionais pola Adega Algueira. A excursión rematou cunha visita a unha plantación de castiñeiro para froito realizada pola empresa Alibós no concello de Taboada. |