O estado da propiedade dos bosques europeos
Francisco Fernández de Ana Magán Presidente da AFG
|
Na AFG vimos demandando das autoridades forestais galegas unha maior información sobre os nosos bosques, incluíndo un inventario forestal axeitado ás nosas necesidades, para poder planear unha política forestal que responda e aproveite a nosa capacidade de produción. Interesaríanos recadar información, con maior actualización, sobre o crecemento e existencias de madeira e doutros produtos nos nosos bosques tanto aqueles xestionados pola Administración coma os de xestión privada.
Tamén é necesario ter un maior coñecemento da nosa realidade social forestal e o seu entronque co mundo que nos rodea, posto que a incidencia do bosque no medio é moi importante e afecta á maioría da poboación galega.
Con esta finalidade, analizamos os datos aportados pola Comisión da ONU para Europa e a FAO, nun estudio realizado no ano 2010 titulado Private Forest Ownership in Europe da autoría de F. Schmithiisen e F. Hirsch.
Para desenvolver este importante traballo pediuse a colaboración de 38 gobernos europeos mais soamente obtivemos resposta de 23 deles coa ausencia significativa de España, Portugal, Italia, Grecia e outros países mediterráneos de menor transcendencia forestal. Por outra banda, cómpre salientar que non tódolos estados que responderon posuían información sobre a totalidade dos campos demandados, información correspondente ó período 2006-2007.
|