Antonio Rigueiro Rodríguez, novo presidente do Consello Consultivo das Fragas do Eume
|
O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago
e Vicepresidente da Asociación Forestal de Galicia, Antonio Rigueiro Rodríguez, vén de
ser nomeado por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,
novo presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume.
Antonio Rigueiro, asume esta nova encomenda coa vontade de poder desenvolver
novas ideas e actuacións que favorezan a posta en valor, a conservación e a difusión do
Parque Natural das Fragas do Eume, ademais de apoiar a continuidade a todas aquelas
iniciativas proveitosas que xa están en marcha.
O Parque Natural das Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos mellor conservados
de Europa, abrangue unha superficie de 9.125 hectáreas que se distribúen polos
concellos coruñeses de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero e
Pontedeume e na que viven algo menos de 500 persoas, o que dá unha idea do estado virxe destes exuberantes bosques que seguen
o curso do río Eume.
A Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, é un órgano de participación no que están representados ademais
dos propietarios dos terreos e das fragas, a Administración autonómica, as organizacións ecoloxistas, os empresarios e, entre outros,
os responsables políticos dos concellos polos que se estende. O cometido de Antonio Rigueiro como presidente é favorecer a integración
e colaboración de tódolos axentes sociais implicados no parque na procura da protección e o desenvolvemento económico dun
espazo natural singular. |