Mercado da madeira en Galicia
Xosé Covelo Míguez Xerente da unidade de comercialización de madeira de Selga
|
Eucalipto, subida e certificación forestal
Paralelamente á subida global do prezo da pasta, a madeira de eucalipto durante o ano 2013 experimentou unha lixeira subida, seguramente non proporcional entre prezo pasta e prezo madeira en pé. A forte competencia que as industrias pasteiras locais están sufrindo por compradores que exportan principalmente a Portugal tamén está a favorecer enormemente a competencia en prezos na madeira de Eucalyptus globulus. No caso de Eucalyptus nitens as empresas de fóra están pagando maiores prezos que a industria local, algo que segundo algúns pode ser un espellismo temporal pois o rendemento en pasta de E. nitens é máis baixo que o de E. globulus. Lembremos que a pasteira local está aboando 6 euros por tonelada menos pola madeira de E. nitens que pola de E. globulus.
Outro factor importante que está alterando o mercado do eucalipto é a certificación forestal. A necesidade de pasta con certificada FSC está levando a cabo unha política de forte diferenciación en prezo da madeira que provén de montes certificados FSC fronte aos monte non certificados e, en menor medida, a madeira proveniente de montes certificados PEFC. Entendemos que esta é unha situación que responde a unha estratexia temporal para aumentar a superficie certificada en FSC, xa que nos últimos anos ten aumentado a superficie forestal con certificado PEFC, e agora o mercado da pasta manifesta a escaseza de madeira proveniente de montes certificados FSC. Aínda que na actualidade as diferenzas entre a madeira procedente dun monte certificado FSC chega a ser de ata 3-5 euros por tonelada con respecto ao PEFC, a sensatez leva a pensar que esa diferenza minimizarase en menos de 2 anos. O que si hai que resaltar, é que a madeira de eucalipto que proveña de montes sen certificar depreciarase enormemente, baixando a prezos equiparables ao que hoxe son destinos de trituración para taboleiro, por debaixo dos 20 euros por tonelada con casca.
|