A Asociación Forestal de Galicia celebrou o pasado 20 de abril no Pazo de Lestrove de Dodro a súa XXVII Asemblea Xeral anual. O mesmo día tivo lugar a asemblea extraordinaria para elección de cargos á Xunta de Goberno que dirixirá á Asociación durante os próximos catro anos.
O acto, ao que acudiron propietarios de montes e representantes de comunidades de montes veciñais en man común de toda Galicia, foi aberto polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza.
No transcurso da asemblea someteuse a aprobación o informe económico e o informe de actividades da AFG e analizáronse varios temas de calado en política forestal.
Por unha parte, debateuse sobre a posición da AFG para lograr, entre outras cousas, que o regulamento da xestión dos terreos forestais incluídos na Rede Natura de Galicia respecte os dereitos dos propietarios forestais e que as normativas que a regulen sexan obxectivas, sen posibilidade de arbitrariedades, e viables.
Tamén se propuxo para votación instar á Xunta de Galicia e ás autoridades competentes o inicio do proceso de revisión da lei de montes veciñais en man común no marco dun proceso participativo.
Outro tema que se abordou na asemblea foi a necesidade de promover con máis empeño a biomasa forestal como fonte de enerxía renovable, tema no que a AFG leva traballando desde hai moitos anos, e que actualmente está desenvolvendo a través do proxecto Silvaplus. Tamén se dou conta dos avances neste último ano da certificación da xestión de montes a través do sistema PEFC promovido pola AFG e a situación do estado sanitario dos montes galegos.
No transcurso da asemblea foron aprobadas dúas resolucións, unha relativa á Rede Natura 2000 e outra á Revisión da Lei de montes veciñais en man común.