Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 55

Lei de mobilidade de terras






No mes de outubro publicouse a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras que derroga na práctica totalidade a Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

O obxecto desta lei é regular o uso racional dos predios con vocación agraria na procura da súa conservación e de evitar o seu abandono a través da súa posta en valor, coa intención de frear a perda dos seus valores agrarios, ambientais ou outros valores vinculados á utilización racional dos recursos naturais dentro dos límites que, de ser o caso, establezan esta lei e a lexislación sectorial de aplicación.

Novidades con respecto á Lei 7/2007
Segundo o texto da norma o obxectivo desta nova lei é a de ampliar a base de actuación territorial e as funcións do Banco de Terras, a capacidade de actuación sobre bens de propietarios descoñecidos, a derrogación do dereito de tenteo e retracto e mais o fomento de medidas e estímulos que faciliten a incorporación voluntaria de bens ao Banco de Terras por parte dos propietarios.

A nova lei permite estender a actuación do Banco de Terras sobre todos aqueles predios que poidan ser empregados con finalidade agraria, e non só sobre os cualificados como superficie agraria útil (SAU) como tiña ata agora. Preténdese buscarlle solución aos predios abandonados e de propietario descoñecido, para facilitar a súa posta de novo en produción. Anúlase o dereito de tenteo e retracto que contemplaba a lei de 2007, e que na práctica ser revelou como un freo sen utilidade ao proceso de aluguer das terras.

Preténdense crear medidas estimuladoras sobre os propietarios para que se animen a ceder os dereitos de cesión temporal o Banco de Terras de Galicia e poder participar dos beneficios obtidos na actividade agraria e valorizar o seu patrimonio. O Banco de Terras garantiralle uns prezos de referencia ao propietario, que percibirá independentemente do establecido no contrato do Banco de Terras co terceiro beneficiario da cesión, pero non incidirá na percepción que o mercado teña sobre os prezos de cesión temporal dos predios inscritos.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es