Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 55

En trámite a Lei de Montes de Galicia






Desde que no mes de xuño de 2001 a Consellería do Medio Rural remitiu ás organizacións sectoriais o primeiro borrador de Lei de Montes de Galicia, o equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia, conxuntamente coa Federación de Produtores de Madeira de Galicia (Promagal) traballaron intensamente para contribuír a que a nova lei resultante se adecúe ás necesidades do monte galego e dos seus propietarios. O borrador foi apoiado polo sector na reunión do Consello Forestal de Galicia que tivo lugar o 9 de novembro de 2011.

Instrumentos de xestión forestal
Quizá a novidade máis sobresaliente do anteproxecto de Lei, é que no seu artigo 77 regula a obrigatoriedade de todo propietario forestal de dotarse dun instrumento de xestión. Segundo o anteproxecto:

Os propietarios de montes de particulares de superficie inferior ou igual ás 25 ha en couto redondo para unha mesma propiedade, deberán dotarse dun instrumento de xestión forestal ou planificar a xestión dos seus montes a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos segundo especies ou formacións forestais.
Os montes de particulares superiores a 25 ha en couto redondo para unha mesma propiedade, os montes públicos e os montes protectores e os de xestión pública deberán dotarse dun proxecto de ordenación.

Os montes veciñais en man común cunha superficie superior ás 25 ha deberán dotarse dun proxecto de ordenación, ou no caso de que dita superficie sexa inferior ou igual ás 25 ha, dun documento simple de xestión ou a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos segundo especies ou formacións forestais.

As agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo superiores a 25 ha en couto redondo deberán dotarse dun proxecto de ordenación, ou no caso de que dita superficie sexa inferior ou igual ás 25 ha en couto redondo dun documento simple de xestión ou a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos segundo especies ou formacións forestais.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es