Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 55

¿A onde imos?



Francisco J. Fernández de Ana Magán
Presidente

Encaramos o 2012 cun novo goberno central e coa ameaza dunha forte regresión económica; seguimos asistindo a un vendaval de destrución de emprego, promesas electorais, cambio de goberno, máis destrución de emprego e non entendemos nada. A culpa é sempre dos outros. E a xente pregúntase ¿Quen xoga con todos nos como se foramos bonecos sen sentimentos nin necesidades?

Os propietarios forestais, particulares ou comunidades de montes veciñais, somos xente que non vive ao día; sabemos ben que a riqueza no monte é función de tempo; é a quenda que tardan as árbores en chegar á súa dimensión comercial-produtiva. Este criterio non é especulativo é o resultado dun proceso natural creador de bens. Pode que este xeito de ver as cousas volva ser primordial para o futuro deste país galego que conta cun grande potencial produtivo, tanxible e intanxible. Crear riqueza propia cos nosos medios e non especular a conta dos demais, enganando aos máis febles como se fixo nos últimos decenios, facéndonos crer que eramos ricos cando non o eramos.

Isto que parece ben sinxelo pode resultar complexo para moita xente que non foi criada no traballo, no aforro e na axuda aos demais. Queremos medrar máis do que se pode e nós sabemos que as cousas necesitan o seu tempo para facerse. A cultura, o coñecemento, o traballo e a ansia de mellorar integralmente é a base da prosperidade dun pobo.

Neste tempo de crise os forestais galegos sabemos que os nosos montes non se poden abandonar xa que son asociacións vivas de seres que precisan do noso tratamento e coidado. Isto facémolo aínda que os produtos obtidos non sexan valorados axeitadamente por mor da situación económica. Nós traballamos no presente cara o futuro e con isto axudamos á estabilidade do país aportando postos de traballo e mantendo o medio natural.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es