O mercado da madeira, tímida recuperación
Xosé Covelo Míguez Xerente da unidade de comercialización de madeira de Selga
|
Piñeiro, prosegue a lenta recuperación
No sur de Pontevedra, en toda a zona demarcada (20 km de radio entorno ó foco de nematodo) fóra da zona de corta preventiva do nematodo, produciuse unha importante retardación das cortas de piñeiro.
Despois do parón inicial continuáronse coas cortas de madeira para serra, pero de forma pouco relevante pois o mercado local atópase saturado e o período de cortas remataba oficialmente a finais de marzo. Todo isto está producindo moita incerteza entre os propietarios e está dificultando novas vendas xa que os prezos de mercado caeron de xeito importante e as industrias locais, con gran cantidade de madeira comprada na zona de corta preventiva, non precisan de novas compras a curto prazo. Pola contra, os compradores de fóra da zona demarcada que tiñan compras xa pechadas, tiveron que parar a súa actividade e quedaron sen apenas opcións de compra nesta zona. As cortas de mellora (rareos e desmestas) tamén están paralizadas pois non se permite sacar a madeira de puntal da zona demarcada en rolo, só se se estela, e máis polo custo derivado da obrigatoriedade da queima ou estelado dos restos de corta.
Deixando a un lado os prezos nos montes do sur de Pontevedra afectados polas restricións impostas polo nematodo, a madeira de piñeiro con destino a puntal mantén prezos similares ós existentes no ano 2008. Con destino a serra, obsérvase un lixeira melloría, en parte xustificada pola recuperación das vendas a consumidores habituais de piñeiro na Península, que progresivamente están deixando de consumir a madeira derribada polo Klaus en Francia.
|