Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 54

A unión fai a forza



Daniel Rodríguez Cebreiro
Responsable económico AFG

Os grupos de negociación son creados coa intención de mellorar as condicións económicas e contractuais das cesións de terreos para parques eólicos.

O propietario forestal, desde un primeiro momento, entendeu que a presenza dun parque eólico no seu monte podía aportar a cantidade de fondos suficientes como para garantir a súa rendibilidade no futuro. As cantidades ofertadas polas empresas interesadas no desenvolvemento eólico eran superiores á rendibilidade que se podería esperar dese solo no caso de destinalo a un uso forestal, máis aínda considerando que, en moitas ocasións, as parcelas solicitadas por esas empresas eran as de menor interese forestal pola súa altitude e exposición ao vento. Isto, que nun principio podería parecer unha grande vantaxe, converteuse no contrario xa que fixo que, en ocasións (demasiadas), o propietario non soubese valorar adecuadamente o que debería cobrar por eses terreos.

A valoración dos terreos
Custou traballo mudar esa idea de que todo o que viñera era ben recibido sen valorar realmente se o pago ofrecido era abondo, tendo en conta o novo destino que se lle ía dar á parcela. As asociacións, tanto de propietarios forestais como de afectados por parques eólicos, tiveron un papel relevante de cara a que o propietario forestal fose consciente do valor do ben que se lle estaba arrendando á empresa promotora e, polo tanto, reclamase un prezo xusto. A isto non axudaron as resolucións dos diferentes prezos xustos acordados pola Administración que, en ocasións, non tiñan en conta cousas máis alá da rendibilidade da explotación forestal que se puidese desenvolver nas parcelas afectadas, sen considerar o uso posterior que eses montes ían ter. En opinión da Asociación Forestal de Galicia, a valoración deses terreos debe facerse de diferente forma xa que esas parcelas teñen un uso adicional ao forestal. Non estamos no caso, por exemplo, dun proxecto para un parque industrial (decidido por un terceiro e que podería situarse noutro sitio), senón no caso dun parque eólico que ten que estar instalado onde hai vento polo que, a existencia dese vento, debería ser valorado como un atributo adicional da parcela e polo tanto, ser considerado no prezo do arrendamento ou venda.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es