O nematodo do piñeiro chegou a Galicia
|
O 5 de novembro de 2010 foi confirmada
en Galicia a presenza de Bursaphelenchus
xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.,
nematodo do piñeiro, nunha masa de
piñeiros entre os concellos das Neves e
Salvaterra de Miño (Pontevedra) a 7 km da
fronteira portuguesa.
Con tal motivo demarcouse unha zona
na que se aplican unhas medidas de corentena que
abrangue unha superficie forestal superior ás
50.000 ha na que están incluídas as masas de
piñeiro bravo de maior calidade de Galicia. Os produtos
renovables obtidos destas masas e a silvicultura
que nelas se practica, son fonte dun alto
número de empregos e sosteñen unha diversificada
industria da madeira local e rexional.
Ao longo dos meses de novembro e decembro
de 2010 a Consellería publicou unha resolución e
un anuncio no que se recollían as medidas fitosanitarias
para evitar a propagación do axente patóxeno.
En febreiro deste mesmo ano un Decreto
publicado o día 4 declarou de utilidade pública a
erradicación do nematodo (Decreto 10/2011, do
28 de xaneiro).
Na resolución do 17 de novembro a Dirección
Xeral de Produción Agropecuaria, declarou dúas
zonas de prevención:
a. Unha zona de erradicación de 1,5 km de
radio arredor da árbore na que se detectou o
nematodo na que se deberían cortar todas as
árbores sensibles.
b. Unha zona demarcada de 20 km de radio
arredor do foco no que se deberían cortar as
árbores sensibles, decaídas ou mortas cun
ámbito xeográfico que alcanza a 19 concellos
do sur de Pontevedra.
|