Asociación Forestal de Galicia          

 

Artigo
Revista O Monte Nº 53

Sociedades de fomento forestal SOFOR



Francisco Dans del Valle
Director AFG

Hai xa 23 anos a Asociación Forestal de Galicia, xunto co departamento de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, promoveu e apoiou a constitución das primeiras agrupacións de propietarios forestais para montes de particulares de pequeno tamaño. Entón, coma hoxe, o obxectivo era o mesmo: conseguir unidades territoriais co suficiente tamaño para realizar unha xestión forestal moderna, apoiada en técnicas silvícolas axeitadas e dispoñer de plans forestais para levala a cabo e posibilitar o apoio de técnicos forestais cualificados ao servizo dos silvicultores.

A falta de apoio institucional, a ausencia dunha lexislación específica e, o máis grave, a ausencia dunha normativa fiscal axeitada que permitise o desenvolvemento das agrupacións, frustraron parcialmente aquel incipiente movemento que chegou a xerar un elevado número de montes agrupados de carácter experimental espallados por Galicia. As expectativas creadas en concellos como Brión, Lalín, Negreira ou Dozón, víronse frustradas pola falta de constancia no apoio institucional a este tipo de iniciativas. Aínda así, algunhas delas perviviron no tempo e algunha xa está obtendo na actualidade os primeiros ingresos derivados daqueles complexos investimentos.

Nin o Goberno central, a pesar da súa obrigatoriedade na Lei 43/2003 de Montes de 21 de novembro, nin os sucesivos Gobernos autonómicos trataron con rigor este problema neste período de vinte anos. Creáronse novas agrupacións ao abeiro do Regulamento de forestación de terras agrarias co obxectivo de conseguir grandes superficies procedentes de repoboacións e poder gozar de forma privilexiada das axudas comunitarias daquela en vigor. As agrupacións dos 90, digamos “instrumentais de forestación”, sufriron distintos avatares; algunhas desapareceron xunto coas empresas que as promoveron; outras perviviron grazas á vontade dos seus donos ou ao apoio de organizacións de propietarios forestais.

En resumo, vinte anos de moi cara espera, por ausencia dunha visión clara e de vontade política para establecer unha normativa específica, adaptada en primeiro lugar ás características dos propietarios forestais e aos requirimentos silvícolas e territoriais que entón xa se coñecían e se experimentaran con éxito grazas aos estudos de viabilidade previamente realizados en diferentes parroquias.

Búsqueda de artigos

- Todos os artigos
- Buscar artigos que conteñan:








Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es