Ao novo goberno galego
Francisco J. Fernández de Ana Magán Presidente da AFG
|
A maioría dos galegos e galegas que o pasado 1 de marzo acudiron a votar decidiron cambiar de signo político o goberno da Xunta de Galicia; como ven sendo norma, asistimos ao cambio de responsables da política forestal galega e, polo mesmo, consideramos acaído expoñer a quen lle corresponda as nosas inquedanzas neste intre económico e social que tanto nos afecta ós propietarios e traballadores do sector forestal galego.
Sabemos que o noso sector é considerado estratéxico no programa de goberno do partido gañador e iso danos esperanzas de que se entendan as nosas posicións e se aporten solucións dentro das posibilidades deste novo goberno.
O sector forestal galego atravesa unha grave situación derivada da crise económica na que estamos inmersos, situación que se veu complicada cos danos producidos nos montes polo ciclón Klaus do pasado 23 de xaneiro. A demanda e os prezos da madeira caeron bruscamente e, como consecuencia, os investimentos no monte decrecen progresivamente, incrementando o abandono e con iso o risco de incendios forestais e deixando sen carga de traballo a centos de pequenas empresas dedicadas aos traballos forestais. |